Tuesday 21 de May de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España de Escalada en Idade Escolar


140 deportistas mozos e mozas competirán en tres modalidades diferentes no rocódromo de Riazor, que se estrea en competición nacional

O rocódromo de Riazor acollerá esta fin de semana o Campionato de España Individual e de Seleccións Autonómicas de Escalada en Idade Escolar, unha competición organizada pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada e o Consello Superior de Deportes. O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Deportes, impulsou o seu desenvolvemento na cidade coa colaboración da Federación Galega de Montañismo.

A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, presentou hoxe a competición xunto a Josefina Maeztu, presidenta da Federación Galega de Montañismo, José Miguel García de la Torre, vogal de deporte escolar da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada e Roberto García, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia. “Esta fin de semana pasarán pola Coruña as futuras estrelas da escalada nacional e mundial grazas ao esforzo levado a cabo polo Goberno de Inés Rey para acoller grandes eventos deportivos”, apuntou Cabanas.

Na competición participarán un total de 15 federacións autonómicas (Andalucía, Aragón, Canarias, Castela A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Navarra, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Illas Baleares, País Vasco, Asturias e Rexión de Murcia) e un total de 142 deportistas mozos e mozas das categorías Sub 14 e Sub 16. A eles hai que sumar 15 representantes das federacións e 40 seleccionadores. Ademais, haberá 43 persoas responsables da organización do evento.

Haberá tres modalidades de competición: dificultade, velocidade e bloque. Haberá unha clasificación individual por cada unha delas e unha clasificación combinada de bloque e dificultade. As tres primeiras persoas clasificadas obterán medalla, ao igual que as tres primeiras federacións autonómicas, unha vez sumados os resultados dos seus deportistas.

“Hai uns sete meses a nosa alcaldesa inauguraba estas renovadas instalacións do rocódromo e un dos obxectivos marcados era acoller grandes competicións nacionais, que cumprimos esta fin de semana”, indicou Diana Cabanas. A concelleira incidiu na importancia de incentivar o deporte e promover e apoiar as diferentes entidades locais: “Desde as institucións temos que amosar sempre o noso apoio ás diferentes iniciativas que se nos propoñen para favorecer non só o desenvolvemento dos nosos deportistas, senón tamén hábitos de vida saudables”, sinalou.

Programa
Venres, día 7 de xullo:
● 09:45 Inauguración do campionato
● 10:00 Comezo da competición matinal
● 10:00 a 12:00 Clasificacións de velocidade infantil feminino e masculino
● 12:00 a 14:00 Clasificación de velocidade cadete feminino e masculino
● 15:30 Comezo da competición de tarde
● 15:30 a 18:00 Clasificación Bloque infantil masculino e feminino
● 19:00 a 21:30 Clasificación Bloque cadete masculino e feminino
Sábado, 8 de xullo
● 09:30 Comezo da competición matinal
● 09:30 a 12:30 Dificultade infantil masculino e feminino
● 15:00 a 18:00 Dificultade cadete masculino e feminino

Domingo, 9 de xullo
● 09:00 Finais
● 14:00 Entrega de premios e clausura do campionato